Sunday 19 de May de 2024

Medio Rural e Asoporcel renovarán a súa colaboración na recuperación, conservación e fomento do porco celta


A Consellería tramitará un novo convenio de colaboración coa Asociación de criadores de gando porcino celta para o período 2016-2019 por un importe total de 320.000 euros

A Consellería do Medio Rural tramitará un novo convenio de colaboración coa Asociación de criadores de gando porcino celta (Asoporcel) para a recuperación, conservación e fomento desta raza autóctona. Así o trasladou a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, ao presidente desta asociación, José Antonio Carril, nunha xuntanza.

O departamento que dirixe Ángeles Vázquez financiará parcialmente o custe das actividades obxecto do convenio cun total de 320.000 euros, a razón de 80.000 euros anuais durante os anos 2016 a 2019. Pola súa parte, Asoporcel financiará o resto dos custos derivados das diferentes actuacións previstas.

Con este convenio, a asociación de criadores será a encargada de seguir coa realización do inventariado, caracterización e avaliación dos censos da raza Porco Celta. Ademais, manterá o asesoramento na selección e mantemento da variabilidade xenética dos rabaños, realizando un estudo da raza e as súas potencialidades enfocado cara aos novos modelos de produción e comercialización.

Pola súa parte, a Consellería participará activamente en todas as actuacións do convenio, custodiando os bancos xenéticos da raza e realizando as probas necesarias no laboratorio do Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia. Así mesmo facilitará a Asoporcel a información das súas bases de datos que sexa necesaria para o desenvolvemento dos traballos.

Ambas entidades deberán divulgar as aptitudes desta raza autóctona en perigo de extinción, así como os valores comerciais dos seus produtos e garantir a accesibilidade aos inventarios de recursos xenéticos da raza por parte dos criadores, entre outras actuacións.

Selo de garantía
O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente puxo a disposición das asociacións de criadores de razas autóctonas oficialmente recoñecidas o logotipo de «raza autóctona» a través do Real Decreto 505/2013, de 28 de junio, por el que se regula el uso del logotipo «raza autóctona» en los productos de origen animal. O obxectivo é recoñecer os produtos procedentes de razas autóctonas no etiquetado dos mesmos e os lugares onde se poden comercializar o consumir.

Para poder facer uso deste logo, as asociacións deberán elaborar un pliego de condicións e presentalo ante a Consellería do Medio Rural. En Galicia, xa están autorizadas para o seu uso as asociacións de criadores da cabra e ovella galega e a Galiña de Mos. Pola súa parte, Asoporcel ten solicitada a autorización, ao igual que as asociacións das razas bovina Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa.

Porco Celta
O porco celta é a única raza porcina orixinaria de Galicia. A súa especial rusticidade permítelle unha perfecta adaptación aos bosques autóctonos da nosa Comunidade, independentemente das súas particularidades edafoclimáticas, facendo que se poidan explotar en réxime extensivo, obtendo produtos de gran calidade.

A súa produción é unha actividade que contribúe ao mantemento da biodiversidade, á diversificación das actividades económicas no medio rural e á fixación de rendas complementarias que, no seu conxunto serven como ferramenta para fixar poboación no medio rural.